

O pasado día 21 de marzo celebrouse o Día do Teatro, e con tal motivo nalgúns medios falouse da situación preocupante que atravesa este xénero literario.
Os escritores e escritoras atopan dificultades para publicar textos dramáticos. Os premios literarios, ás veces a única vía que leva á publicación, son escasos para este xénero. Os editores xustifican os poucos títulos coa falta de demanda do público.
Nas bibliotecas, o teatro aparece achegado a poesía e comparte con esta dous ou tres andeis, escasos, porque case ninguén pide textos dramáticos. Nas librarías pasa tres cuartos do mesmo.
Resulta curioso e paragóxico que un xénero literario que nace para ser falado, para darlle voz e volume, estea tan silenciado.
O teatro ten que ser apoiado dende a escola, promovendo iniciativas relacionadas co mesmo tanto dende o “equipo de biblioteca”, coma dende o “equipo de normalización e dinamización lingüística” e dende as aulas, xa que é unha poderosa ferramenta e unha actividade moi completa a nivel formativo: desenvolve habilidades e capacidades persoais e intelectuais a través dunha actividade pedagóxica e lúdica e favorece valores de convivencia. Require disciplina, o apoio e valoración do traballo do outro/a para conseguir un proxecto común. Exercita a memoria. Fomenta a creatividade e a imaxinación e o desenvolvemento das mesmas a través da expresión artística. Respecto ás linguas, potencia a expresión oral, a expresión escrita e a lectura comprensiva e desenvolve as diferentes capacidades nos tres eidos da educación artística: música, plástica e dramatización.
O teatro escolar non ten coma obxectivo formar futuros actores e actrices nin directoras, nin escenógrafos. Para iso está a facultade de Arte Dramática, coma tampouco pretendemos que das clases de linguas saian filólogos ou lingüistas ou, das de Coñecemento do Medio, biólogas ou químicos.
Pero a escola si debe ofrecer ao alumnado a posibilidade de acceder a un texto dramático a través da representación (teatro negro, teatro de sombras, de actores ou de monicreques... ou, simplemente, do teatro lido).
Precisamente eu débolle a aquelas sesións de teatro lido na escola a miña afección por este xénero literario. E realmente non precisa máis preparación que a selección dunha obra, as lecturas en voz alta e uns carteis para que se recoñezan os personaxes. Como mediadores/as temos que darlle a coñecer ao alumnado a literatura dramática da mesma maneira que os achegamos aos textos literarios poéticos ou narrativos.

A montaxe dunha obra é un proxecto de traballo en común, de colaboración e complicidade dos diferentes compoñentes da comunidade educativa. Require esforzo e precisa planificación e, ao mesmo tempo, flexibilidade nos horarios. A escola debe aproveitar este valioso recurso que serve para adquirir varias das competencias do currículo, que fomenta a expresión e a creatividade e potencia o traballo en equipo (familias, docentes e alumnado) e integralo no Proxecto Lector dentro do Plan Xeral de Centro e nas distintas programacións de aula.
Cando alguén se decide a montar unha obra de teatro de cara a fin de curso, está dándolle voz a un texto dramático, dando a coñecer aos autores e autoras galegas e animando a uns a escribir e a outros a actuar.
E se os escritores e escritoras atopan atrancos na publicación das súas obras, se apenas hai premios, as mestras e mestres de escola tamén teñen as súas dificultades. É unha actividade complexa, que abrangue distintos eidos do currículo e obriga a unha estreita coordinación entre os docentes, especialmente cos da área de artística: plástica e música, xa que todas as obras teñen música, xa sexa usada como cambio e inicio de escenas ou, con máis entidade formando parte do texto con cancións. E todas precisan escenografía e vestiario.
A esta complexidade, ás veces, hai que engadir a dificultade en atopar unha obra axeitada á idade dos alumnos/as que a van representar e que teña o suficiente número de personaxes para non prescindir de ninguén. No teatro escolar todos son imprescindíbeis e en Primaria o número de imprescindíbeis pode chegar a 25 .
Afortunadamente, na BLIX (Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil) pódese atopar unha recompilación das obras da literatura dramática infantil publicadas até o 2010. Facilitan a sinopse argumental, o número de páxinas, autor ou autora, ilustrador ou ilustradora, editorial e algún dato máis específico sobre a peza (número de actos ou se é prosa ou verso), pero bótanse en falta o que buscan as mestras e os mestres: determinar o grao de complexidade escénica e número de personaxes. Permite o desdobre dalgún destes? Inclúe suxestións para os vestiarios e escenarios? Existe unha guía de traballo sobre a obra como encontramos para a narrativa?
Tamén na BLIX, no apartado de ensaio, recóllense dúas publicacións como Teatro para nenos e Teatro Infantil. Do texto á representación que, ademais de facer unha selección de obras dramáticas de interese literario de todas as linguas da península, inclúe unha análise máis detallada de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e de O maquinista Antón.
Unha vez elixida a obra, empeza un longo camiño até a representación, con lecturas, reparto de personaxes, ensaios regulares, escenografía, vestiarios, música, efectos sonoros, sesión de fotos para o díptico e deseño de cartel para publicitala e anunciala.
Os docentes, ao final, acaban facendo teatro na escola e para paliar as deficiencias de medios e de formación constitúen grupos de traballo para facer unha selección de obras dramáticas, ou para facer unha adaptación dun musical, ou para organizar intercambios entre colexios para representar cadansúas obras con toda a parafernalia que iso supón: calendarios de actuacións e varias reunións previas a comezo de curso e fóra do horario escolar.
E isto non é ficción. Quería salientar o traballo desenvolto polo Grupo Interteatro de Vigo. Comezaron no curso 2004-2005, sendo seis colexios públicos que preparaban unha obra para representala nun dos outros centros. A esta iniciativa sumáronse máis colexios, e son dezaseis os que actualmente forman parte do circuíto e contan co apoio da Concellalía de Educación e da Escola Municipal de Teatro. Represéntanse fundamentalmente obras en galego, pero tamén nos outros idiomas do currículo. Cada centro elixe se fai dúas ou máis saídas, unha delas é para Mostra de Teatro Escolar, organizada pola Escola Municipal e que supón que actúen nun auditorio. O curso pasado foi no da Escola Municipal, este ano, no da Escola de Arte Dramática.

Elvira Pérez. (Vigo 1962). Mestra. Coordina o Equipo de Biblioteca dende hai tres cursos e escribe e dirixe teatro coas súas alumnas e alumnos en galego e en inglés. Responsábel do Grupo Interteatro na súa escola dende o curso 2006-2007. No 2002 publicou A contar ovellas en Xerais. No 2005 colaborou coa OEPLI facendo unha versión dun conto de Andersen, e no 2007 participou no Lagarto Pintado cun relato, Un emoticón na bandexa de entrada. No 2008 a súa escola gañou o IV Premio da Fundación Rosalía de Castro por unha proposta teatral, Retrato de familia, na que colaboraron oito mestres e mestras e 28 alumnos/as.
© Elvira Pérez - © Desta edición: Cadernos Redelibros, ISSN 2173-1977 - Vigo, abril de 2011. Reservados todos os dereitos.