• Entrar
  • Rexistrarse
  •  
Redelibros, a rede social galega do libro, un espazo para a literatura e un punto de encontro en Galicia para lectores, editoriais, librerías, autores...
A rede social galega do libro
Mega Menu Drop Down - Columns
  • Inicio

    Coñécenos

    • Quen somos
    • Preguntas
    • Blog
    • Soporte
    • Contacto

    Enlázanos

    Se che gusta Redelibros e queres axudarnos a medrar, engade un banner na túa web ou blog.

    • Enlázanos

    Síguenos na rede

  • Libros

    Base de datos bibliográfica

    Redelibros alberga unha base de datos de máis dun millón de fichas de libros. Entre eles podes atopar dende as últimas novidades ata libros descatalogados ou noutros idiomas. Atendendo á nosa filosofía de espazo común, esta base de datos está aberta para que poda ser consultada por todo o mundo, sen necesidade de rexistro previo, e facer todo tipo de procuras e seleccións dende o buscador.

    Como usuario rexistrado, ademais poderás valorar cun sistema de estrelas ou escribir os teus comentarios. Ambos poden consultarse na ficha de cada libro.

    Coa vosa axuda queremos conseguir que a base de datos sexa o máis completa posible. Se non atopas algún libro, e queres engadilo, podes usar este formulario. Se botas en falta calquera dato relevante, ou atopas algún equivocado, podes editar a ficha do libro usando a opción “Editar detalles do libro”

  • Autores

    Textos

    Neste apartado poderás compartir textos (poemas, relatos, novelas ou o que sexa), escritos por ti ou por terceiros, que creas poidan ser de interese para o resto dos membros. Obviamente, tamén poderás ler, comentar e valorar os publicados por outros usuarios.

    Autoedición

    Se escribiches un libro e queres publicalo, Redelibros pódeche axudar. Nesta páxina atoparás unha completa guía de edición na que che explicaremos, paso a paso, que facer para ver o teu libro publicado. Tamén atoparás aos nosos provedores recomendados para cada proceso.

    Autores Redelibros

    Nesta sección poderás coñecer de preto aos autores que pertenzen á nosa comunidade. E, se o desexas, tamén poderás adquirir algúns dos seus libros.

    • Textos
    • Autoedición
    • Autores
    • Tenda
  • Ferramentas

    Ferramentas

    As ferramentas de "opinión" permítenche dispor de espazos onde compartir a túa opinión ou coñecer a do resto dos usuarios.

    As ferramentas de "anuncios" permítenche comunicar ou informarche de eventos ou clasificados a través de Redelibros.

    As ferramentas "multimedia" permítenche compartir e visualizar fotos, vídeos e arquivos de audio co resto de redelibreiros.

    As ferramentas de "membros" permítenche atopar a outros usuarios de Redelibros ou invitar a outras persoas a formar parte da rede.

    Opinión

    • Blogs
    • Grupos
    • Enquisas

    Anuncios

    • Eventos
    • Clasificados

    Multimedia

    • Álbums
    • Vídeos
    • Audios

    Membros

    • Buscar
    • Invitar (email)
    • Importar contactos
  • Seccións

    Cadernos Redelibros

    Nesta sección atoparás artigos dos nosos colaboradores (críticos, autores, editores, expertos, etc.) que che brindarán distintas perspectivas sobre a literatura e o mundo editorial: análise de xéneros, reseñas de obras concretas, estudos sobre actualidade editorial, traballos sobre autores destacados, etc.

    Concursos

    Actividades que teñen premio. Concursos organizados polos nosos colaboradores ou polos propios usuarios para potenciar a creación literaria, audiovisual e artística. Unha sección que dá moito xogo.

    Fisgando na rede

    Unha páxina que contén a moitas: os principais focos de información cultural do país, blogs, axendas culturais, páxinas de editoriais, seccións de cultura en prensa... Ofrecémoschas sindicadas por rss, automaticamente actualizadas e reunidas para a túa comodidade.

  • Redetendas

    Páxinas

    A túa páxina personal na rede, a túa tarxeta de presentación.

    Tendas

    As tendas dos usuarios na rede. O espazo para as túas compras.

    Tenda de redepuntos

    Colaborar e participar na rede ten premio: os redepuntos, que irás acumulando coa túa actividade. Poderás cambiar gratuitamente os teus redepuntos por libros na nosa tenda.

  • Colaboradores

    Editoriais

    • Kalandraka
    • Faktoría K

    Librarías

    • Cartabón
    • Paz
    • Libros para soñar
    • Mazinger

    Entidades

    • Gálix
    • Culturgal

    O noso agradecemento

    Queremos mostrar o noso agradecemento a todas as persoas, empresas e institucións que co seu gran esforzo e participación apoiáronnos e séguennos apoiando cada día para crear un espazo galego de literatura en Internet.
    Se estás interesado en colaborar, ponte en contacto con nós.



Fran Zabaleta 1 article
FEATURED ARTICLE
  • All Submitter Articles
Compartir Informe

Related Articles

  • CR09. Os libros e o seu traizoeir...
    por marilar Aleixandre
  • CR19. Ana Manana, os cabaleiros d...
    por Daniel Ameixeiro
  • CR23. Os libros que non se perden...
    por María Solar
  • CR13. Os compromisos da tradución
    por ana luna alonso
  • CR01. Mínima presentación da Lite...
    por XM Eyré Val
  • Article Home Page »
  • Examinar artigos »
  • Literatura

CR26. Autopublicación, unha reflexión aberta

  • Publicado por Fran Zabaleta
  • 30 Maio 2011 11:02:26 CEST
  • 21 comentarios
  • 2.283 visitas

Tiña pensado dedicar o meu primeiro artigo nestes Cadernos Redelibros á novela histórica, que por algo me apaixona, pero a publicación do artigo de María Solar sobre a situación actual da edición e a necesaria promoción das obras polos autores, CR23. Os libros que non se perden nos andeis das librerías, animoume a lanzarme de cabeza con algo ben distinto que leva un tempo dando voltas por aí dentro.

Hai dez, vinte anos, que un escritor se publicase a si mesmo non só era unha rareza: era unha condena. Neste mundo/geto da “cultura”, que un autor se publicase a si mesmo quería dicir varias cousas: que ninguén quería publicarlle; que probablemente non tiña calidade; que o posible lector tería que enfrontarse, con moitas papeletas, a un texto confuso, sen a oportuna corrección ortotipográfica, mal editado, etc.

Aínda por riba, o aventurado escritor tamén se enfrontaba con outros problemas non menos espiñentos, como a necesidade de afrontar elevados custos para ver o seu libro impreso, xestións complicadas como a obtención dun ISBN (ou non tan complicadas, pero si alleas á súa experiencia) e, sobre todo, o gran problema final: a distribución do libro, chegar ao lector, conseguir un oco nas librerías, obxectivo de tanto esforzo.

Todo o cal condenaba ao noso esforzado escritor a unha especie de ostracismo literario non escrito. O desdén polo escritor autopublicado era un tufillo, un rumor de fondo, unha desas “verdades incuestionables” coa que todo o mundo comulgaba. E isto non é un ataque, conste, é un recoñecemento de faltas: eu mesmo, ata hai non demasiado tempo, vía con receo calquera intento dun autor por publicar a súa propia obra, coma se o feito de que un editor non confiase nel fose sentenza sobrada para negarlle o privilexio da dúbida. Non hai moitas semanas, charlando do tema cun coñecido, este engurraba o entrecello ante o que consideraba algo que ninguén no seu xuízo faría.

Pero quizais sexa hora de reflexionar con algo máis de amplitude. Quizais vai sendo hora de derrubar as nosas barreiras mentais e deixar que a realidade entre ata a cociña. Porque a realidade ten esa marabillosa virtude de sobrepasarnos e facer que, con farta frecuencia, as verdades incuestionables se convertan en tópicos antes de que nos deamos conta. Posiblemente, hai dez ou vinte anos era certo que un escritor que se publicara a si mesmo tiña escasa calidade... na maior parte dos casos, alomenos. O filtro do editor adoitaba funcionar. Talvez porque funcionaba ese editor ao vello estilo, con olfacto para detectar o bo, con instinto para recoñecer un bo libro.

Non quero dicir que xa non exista ese editor: só afirmo que, polo xeral, ese editor está agora coas mans atadas por unha implacable demanda: o mercado. O beneficio puro e duro, por riba de calquera outras consideracións. Falo, polo menos, dos grandes grupos editoriais, eses que se converteron cos anos en simples máquinas de facer diñeiro, e non das ducias de pequenos proxectos de editores vocacionais que hai por aí adiante, impulsados por tolos tan fascinantes como suicidas, diría, neste contexto neoliberal. O beneficio manda, señores. O demais son inxenuidades... ou proxectos destinados ao fracaso.

Se cadra. Ou se cadra non. Falarei do que coñezo, para evitar suspicacias, e deixando ben claro que non pretendo xeneralizar. Bo, si xeneralizo, pero que polo menos quede canto digo en entredito, e que cada cal lle aplique a lupa ou o filtro que desexe.

Hai seis anos publiquei unha novela histórica escrita en colaboración cun amigo. Era a miña primeira novela publicada, máis aló de obras de carácter “profesional” (ousexa, por encargo), adaptacións de clásicos e cousas así, das que xa tiña varias no mercado. Cando rematamos de redactar o orixinal, tivemos a sorte de atopar de forma case inmediata unha axente literaria que comezou a “mover o texto” para buscar un editor interesado. E, máis sorte aínda, o editor apareceu. Resultou que se trataba dun dos grandes grupos editoriais do Estado. A novela saíu en setembro de 2005 e ao pouco tempo, un ou dous meses, xa tiña segunda edición. Un ano despois saíu unha nova edición en peto noutro selo do grupo, e ao mesmo tempo a editorial publicouna na súa filial mexicano. A nosa axente, mentres tanto, non quedou parada e conseguiu que un editor brasileiro traducira e publicara a novela en Brasil.

Ata aquí, como comprenderedes, todo vento en popa. Vaia, deramos no cravo, acertaramos. Estabamos en mans de grandes profesionais que se encargarían de promover o noso libro e convertelo nun bestseller. Non podiamos pedir máis...

Ou si, pero non o fixemos. En realidade, o erro foi noso, dos autores. Porque a editorial fixo o que tiña que facer (ou, mellor dito, o que se adoita facer) cun escritor primeirizo: editou a súa obra, publicouna e lle fixo unha limitada promoción, uns cantos envíos aos críticos habituais, unhas cantas entrevistas de radio... e para de contar. Normal: eles teñen entre mans un número moi grande de novidades e hai que movelas todas, un libro sae detrás doutro e ao cabo do ano son centos. Pero os recursos son limitados, e o espazo nas librarías tamén, e sempre é mellor centrarse en autores xa recoñecidos e esperar que o resto se mova por si mesmo, a ver se soan as campás, que ao cabo malo será que non se venda o suficiente para non perder co libro. Para recuperar custos, que xa é bastante.
Repito, por si acaso: a editorial fixo o que adoitaba facer, o que mandaban os seus protocolos, e eu estoulles agradecido por iso, por darme a oportunidade de publicar a miña primeira novela. Todos os que o vivistes coñecedes ben a maxia dese momento en que ves por fin, logo de anos de esforzo, o voso primeiro libro recén saído do prelo. Xa iso é recompensa suficiente... salvo que un aspire a vivir desta arriscada profesión.

Os que metemos a pata fomos nós. Porque o libro funcionaba moi ben nos primeiros meses, gustaba aos lectores, as críticas non podían ser mellores e ademais estabamos en mans dun gran grupo. Así que desentendímonos. Seguimos o camiño máis cómodo: esperar que outros fixesen o esforzo de vendelo. Nós eramos os autores, non iamos “rebaixarnos” a vender e promocionar o noso libro. Evidentemente, nunca o pensamos nestes termos, pero dalgún modo ese era a prexuízo subxacente, ou así o vexo agora, pasados os anos. Ou se cadra foi cuestión de simple comodidade. O caso é que, polas razóns que fosen, limitámonos a sentarnos e agardar.

Que bobada, claro. Por dous motivos: primeiro, porque a editorial, como adoita suceder con todo gran organismo, é lenta de reflexos. A sociedade evoluciona de forma anárquica, impulsiva, por cen camiños diferentes. En boa hora, por certo. E, para unha gran estrutura, manterse ao quite é difícil. Os seus mecanismos de promoción hai seis anos eran os trillados. Internet era un medio para enviar mensaxes e pouco máis. Redes sociais? Foros, blogs? Bo, bo, con calma, hai que estudalo...

Ao pouco tempo, pasou o que tiña que pasar: a novela, sen máis promoción, quedou sepultada pola avalancha de novidades e comezou a desaparecer das librerías. Normal.

Todo o cal lévame a dúas conclusións: a primeira, que as editoriais fan o que poden, ao seu ritmo e seguindo os seus intereses, que nunca son os do autor; sobre todo tendo en conta que o modelo editorial español dista moito do inglés ou do norteamericano, onde o editor implícase moito máis co autor, fai recomendacións sobre a súa obra e a súa carreira, traballa man a man con el. Aquí non, aquí, por aquilo do respecto á liberdade creativa do escritor —entre outras razóns máis obvias—, o editor limítase a recoller o texto, editalo e publicalo. Cada cal que elixa, pero eu boto de menos esa complicidade. A segunda conclusión é tan evidente como a primeira: se o autor quere vivir do que fai ou, simplemente, que o seu libro sexa lido, debe implicarse de forma intensiva na promoción da súa obra.

Vale, ata aquí dixen verdades de pé de banco. Sigamos entón, a ver se consigo dicir algo máis interesante... no caso de que aínda vos reste algo de paciencia.

Hai dous anos rematei unha segunda novela histórica. Nesta ocasión, a súa estrutura era (é) pouco habitual, pois está formada por tres novelas curtas e un relato breve, todas con relación entre si. Algo aventurado nun país no que os libros de relatos (e este, aínda que non o é, pódeo parecer) atopan unha curiosa resistencia no mercado... como pronto puiden comprobar. Envieilla á miña axente, leuna, gustoulle moito e púxose a facer o seu traballo: buscar editor. Ano e medio despois, seguía buscando. Varios selos editoriais importantes mantíñana “en estudo”, sen rexeitala, pero tamén sen decidirse (e niso están nestas alturas...). A crise non anima a lanzarse a aventuras nun mercado en retroceso. O mercado, sempre o mercado. Finalmente, eu mesmo púxenme en contacto cunha pequena editorial de Madrid e aceptaron publicala. ¡Bo, menos mal! Respirei aliviado, porque a ningún escritor gústalle escribir para o caixón da súa mesa (ben, para o disco duro do seu ordenador, nestes tempos).

Pero entón empecei a atar cabos, a unir ideas dispersas. Por que non publicala eu mesmo? Ao momento rexeitei a idea (si, por todo o do principio, as verdades incuestionables e demais, non ía caer na miña propia trampa). Pero a luceciña seguía aí, iluminando novas ideas. Deume por pensar que, con todo o que lle agradezo a esa pequena editorial madrileña o compromiso de editala, que podería facer ela polo libro que non puidese facer eu, salvo publicalo, evidentemente, e cargar cos custos de impresión? Se un gran grupo editorial non fora capaz de mover en condicións a miña primeira novela, ía poder unha pequena editorial sen recursos? A novela chegaría a catro librerías, languidecería durante uns meses... e pouco máis.

Empecei a investigar outras opcións. E levei a sorpresa do século: resulta que, mentres eu estaba agochado baixo a miña coiraza de escritor, procurando que non me dese moito o sol, o mundo, aí fóra, seguía a moverse. E a unha velocidade de vertixe. Resulta que o que antes era tabú comeza a deixar de selo. Internet ofrece mil posibilidades de autoedición, de distribución, de promoción. E todas, todas, están ao alcance da miña man. Ou do meu rato, que a estas alturas xa é o mesmo. E empecei a atoparme con autores con obra xa publicada e certo recoñecemento e éxito de lectores que apostan aberta e francamente pola autopublicación. Que se encargan eles mesmos da edición, da promoción e da distribución. Nunha soa frase: que fan o que en calquera caso ían facer (promocionar a obra con todas as súas forzas)... e levan o 100% dos beneficios. Co mesmo esforzo. Este falar de beneficios pode parecer un criterio mercantilista poco acorde ca idea romántica de publicar un libro, pero os escritores, quen o diría, temos esas teimas: queremos vivir da nosa profesión. E, se queremos facelo, mal que nos pese, non temos outra que tratar de  obter un beneficio do noso traballo. Pode non ser romántico, pero é inevitable.

Pero, ademais, a autopublicación permite algo tremendamente atractivo: o control sobre o teu propio traballo. E sobre o produto final.

Tentador. Sobre todo, cando un se decata de casos como o de Amanda Hocking, unha autora descoñecida por estes lares que, sen apoio de ningún grupo editorial, editouse ela mesma as súas obras, autopublicounas e vende máis de ¡cen mil exemplares ao mes! En Amazon. E leva xa máis dun millon e medio vendidos...




 

Bo, para, para. Unha cousa é que haxa unha excepción, e outra moi distinta a norma. De acordo, pero eu non aspiro a vender cen mil exemplares o mes. Ao que aspiro é a conseguir o meu feixe de lectores, que gocen cos meus textos e que estean dispostos a apostar por un libro meu. E, ao cabo, as ferramentas están aí:

1. En Internet abundan empresas e proxectos moi diferentes, programas que facilitan a tarefa, blogs e foros con consellos que axudan no camiño. A autoedición, hoxe, é máis accesible e alcanzable que nunca grazas á impresión baixo demanda, sistema que xa están empezando a usar mesmo as grandes editoriais e que pódese contratar online, sen máis problemas, desde a mesa do teu computador.

2. A conversión a ficheiros dixitais (epub, fb2, mobi, etc.) é cada vez máis doada e pódea realizar cada cal... ou encargala a empresas online. Cunha vantaxe engadida importante, que daría pé para outro artigo pero que aquí só quero apuntar: o autor elixe se o resultado final, o libro dixital, terá ou non DRM (protección de dereitos dixitais) ou se irá sen protección. E decide o prezo final do seu libro. Para min, está claro que o DRM é intentar porlle portas ao campo, e o prezo dos ebooks (elevadísimos) a barreira que colocan os grandes grupos para frear o libro dixital (que teñen os almacéns cheos de papel, que van facer con eles!). En fin, xa digo que isto dá para outro artigo tan longo como este, así que deixareino polo momento.

3. A distribución? Abrir unha tenda virtual nun blog, en facebook ou na propia web é tan sinxelo como axustar un módulo predeseñado e engadir unha pasarela de venda con paypal, por exemplo. E nada impide ao autor multiplicar os puntos de distribución ofrecendo o seus libros ao mesmo tempo en Amazon ou calquera outras plataformas ou tendas que hai polo mundo dixital adiante.

4. A promoción? Bo, para iso están as redes sociais, os foros e demais ferramentas... algo que calquera autor, hoxe, sabe que ten que utilizar se quere promocionarse, independentemente de quen lle publique.

Entón, compensa autopublicarse?, non será unha leria?, realmente pódese obter un produto final, un libro de calidade, ben impreso, algo digno? Pois nin idea. Só podo especular... e apostar.

De entrada, está claro que publicarse a si mesmo é un proceso arriscado, por máis que as ferramentas estean aí e os custos abaratáranse considerablemente. É un traballo duro e solitario. Claro que, agora que o penso, o traballo do escritor é duro e solitario. E o resto, de calquera forma vouno ter que facer eu, se me publica unha editorial. A promoción correrá pola miña conta, e será en boa medida solitaria.

O prestixio? Sen dúbida, queda moito tempo aínda para que o tópico desapareza e se valore igualmente unha obra propia que unha obra publicada por unha editorial, pero o camiño comezou a andarse e non fai falta ser un augur para deducir que nos próximos anos veremos a moitos máis autores “con nome” que se publican a si mesmos.

Os beneficios? Aquí si que non hai dúbida: os dereitos de autor tradicionais non superan no mellor dos casos o 10% do prezo do libro. Máis no caso dixital, ata o 40% (en EE.UU., aquí se che ofrecen un 25-30% xa podes quedar contento). Pero, se un se publica a si mesmo, o beneficio é do 100% (no caso de que distribúa o libro a través da propia tenda) ou do 60-80% se distribúe a través doutras tendas como Amazon, Google Books ou calquera outras que non paran de xurdir. En calquera caso, a diferenza é altamente tentadora...

Así pois, que inconvenientes ten a autopublicación? Desde o meu punto de vista (e unha vez que o autor asume a carga extra de traballo que supón), só hai unha. Grande, iso si: a edición do libro. Editar un libro é un proceso complexo. Trátase de revisar a obra con calma, lela “dende fóra” para detectar os seus problemas, os seus rechinos, seus defectos ou incongruencias, analizar a súa estrutura e a adecuación da linguaxe ao que se está contando, etc. Implica tamén unha corrección profunda, de estilo e ortotipográfica, que deixe o texto puído. Un proceso que non convén que realice o autor (nin aínda que sexa tamén editor, como no meu caso), porque un “ollo alleo” detectará problemas que ao autor, demasiado metido na súa obra, escaparánselle. Unha vez máis, esta edición pódese encargar a un profesional ou a unha editorial. Pagando, claro.

Claro que aquí entramos noutro debate que non corresponde a este artigo, pero que quero alomenos deixar no aire. Onde quedan as editoriais en todo isto? E as librarías?

A cuestión é complicada. Hai moitas editoriais por aí adiante facendo traballos realmente dignos, e moitos profesionais que aman o seu traballo. E seguirán existindo, porque o seu traballo é necesario: tanto a súa función de “selección natural” como a realización propia do libro, o produto final. Pero están abocadas a un cambio inevitable: de súpeto fíxose máis amplo o panorama, máis variado. Xa non teñen a exclusividade da edición. O que quere dicir que o seu mercado mudou, e inevitablemente terán que mudar elas. Penso que seguirán, como non, ofrecendo as súas seleccións de autores de cara ao lector: un selo editorial que consiga definir a súa identidade atraerá lectores. Pero penso tamén que se lles ofrece outro “mercado” novo: o dos servizos ao autor. Neste novo panorama, é ben tentador para o escritor ser quen de dirixir a súa propia traxectoria, do mesmo xeito que controla a súa creación. Decidir sobre todos os aspectos da edición, da distribución, da promoción. Levar de forma autónoma a súa “carreira”. Aquí, as editoriais teñen a oportunidade de ofrecer os seus servizos de empresa ao autor. No futuro —esta é a miña aposta—, o autor debería ser de verdade o centro do proceso. Precisará de editores que lle revisen a obra, pero, en vez de enviar o manuscrito “a ver se hai sorte”, por que non contratar os servizos dunha editorial para as faenas de edición, como contratamos ao avogado para as cuestións legais ou ao arquitecto para que deseña a nosa casa? De feito, non estou inventando nada novo, hai xa un bo feixe de editoriais que se adican precisamente a isto, algunhas con indubidable éxito.

E as librarías, claro. Aí doe. O libro, hoxe xa, é un produto reinventado. O libro en papel, a través da impresión baixo demanda, pero sobre todo o libro en formato dixital. Teñen sentido as librarías no novo panorama? Persoalmente creo que si, pero con dificultades claras. O seu papel segue a ser o de sempre, o de verdade: fronte ao gran supermercado, resiste o libreiro que aconsella, selecciona, recomenda. E nesa función atopa os seus clientes. Ese papel seguirá existindo, agardo, aínda que quizais nun formato distinto. A libraría como concepto é fundamental, pero tarde ou cedo (imaxino e agardo que tarde), rematará por converterse nun negocio puramente online. Ou non, pode que sigan existindo fisicamente, pero que no canto de papel recomenden e vendan tarxetas dixitais co libro dentro. Ou calquera outra fórmula que xurda, aínda é cedo para albiscar ese futuro. De calquera xeito, seguirá sendo librería. E seguirá habendo un libreiro que aconsella, selecciona e recomenda. Ou así o desexo, pois creo que é outro filtro fundamental para que os lectores non nos perdamos na abrumadora maraña de libros que saen cada ano do prelo.

Editores e libreiros cumplen cada un a súa función, que en grande medida é a de servir de filtros previos para o lector. No mellor sentido do termo: o de orientarlles, o de proporlles. A diferenza está en que, neste novo marco cultural, o lector accede non só as propostas que lle ofrecen as editoriais ou as librarías, senón tamén, directamente, as propostas que lles fan os autores. E insisto: a maior parte dos autores non buscamos “o éxito”. Buscamos o noso público. O noso nicho, o noso grupo de lectores que atopan unha voz nos nosos textos. E o lector é o único que pode decidir finalmente se o que lle ofrecemos é válido ou non...

Remato. Todo isto non son máis que ideas no aire que o único que pretenden é abrir debate, compartir opinións, propiciar reflexións en voz alta. Como tantos outros que vivimos esta profesión (autores, editores, libreiros, maquetadores, ilustradores e un longo etéctera), asisto entre perplexo e fascinado a este novo mundo do libro, ás tremendas posibilidades e ás súas evidentes contradicións. Pero todo proceso de cambio é pura e simple vida, e a posibilidade de ter nas túas mans, como escritor, o control do que fas, do teu traballo, dos teus esforzos e da túa ilusión é... tentador, demasiado tentador.

Co que, ao final, teño clara a miña decisión: vou experimentar. Vou tentear estes novos camiños, cas dúbidas, a inquietude e, sobre todo, a tremenda ilusión que todo novo proxecto esperta: publicarei eu mesmo a miña próxima novela. O 15 de setembro, se todo vai ben, terédela nas vosas librerías dixitais... E que pase o que teña que pasar.



 

Fran Zabaleta é escritor, editor e guionista de documentais. Comezou a súa andaina profesional como profesor de secundaria e bacharelato e traballou máis de quince anos como editor de textos de ensino con editoriais como Anaya, Santillana ou Grazalema. Na súa faciana de guionista, é autor de documentais para institucións, empresas e televisión, como O camiño portugués; A Coca, a besta e a festa; Arturo Noguerol; Homes de lei; Centenario do Real Clube Náutico de Vigo; Fermín Bouza Brey; Albeos, a terra soñeira; A memoria do lume, etc. Tamén adaptou clásicos da literatura universal para rapaces, como Ivanhoe (Alfaguara 1996), Moby Dick (Alfaguara 1996), La llamada de la Naturaleza (Alfaguara 1997), La Celestina (Ediciones SM 2008), Fábulas de La Fontaine (Ediciones SM 2009). É autor de obras de referencia como 99 libros para ser más culto (Martínez Roca 2011) e da novela histórica La cruz de ceniza (Suma de Letras 2005). De próxima aparición é a súa segunda novela, Medievalario.


© Fran Zabaleta - © Desta edición: Cadernos Redelibros, ISSN 2173-1977 - Vigo, maio de 2011. Reservados todos os dereitos.

  • Tags:
  • #literatura
  • #Autopublicación
  • #novela
  • #futuro do libro

  • Comentarios
  • Fotos(1)
20 comentarios
  • A 18 persoas gústalles
  • Ver máis comentarios
  • Fran Zabaleta
    Fran Zabaleta Podes repetir o link, Francisco? Non saíu ben...
    06 Decembro 2011
  • Xosé R. Lois
    Xosé R. Lois Un tema que xa está dando moito que falar na rede sobre a privatización do servicio ISBN e a gran subida de prezos que trae consigo. O link de Francisco é: <a href="http://lacinefilia.wordpress.com/2010/12/25/el-ministerio-de-cultura-contra-los-li...  máisUn tema que xa está dando moito que falar na rede sobre a privatización do servicio ISBN e a gran subida de prezos que trae consigo. O link de Francisco é: <a href="http://lacinefilia.wordpress.com/2010/12/25/el-ministerio-de-cultura-contra-los-libros-autoeditados/" target="_blank" rel="nofollow">http://lacinefilia.wordpress.com/2010/12/25/el-ministerio-de-cultura-contra-los-libros-autoeditados/</a>  
    06 Decembro 2011
  • Fran Zabaleta
    Fran Zabaleta Pois se isto o fai a esquerda, en nada emigramos todos as Seichelles, ou como se diga. Que non sei se as gobernan uns ou outros, pero de seguro vai mellor tempo...
    06 Decembro 2011
  • Francisco Castiñeira
    Francisco Castiñeira Tentei pór a ligazón varias veces, normal ou acurtada e non me sae, sae todo en html ou o que sexa iso, coido que é o mesmo problema para Xosé. Pero si que está dispoñible no meu perfil, se vos dades unha volta por alí poderedes velo.
    06 Decembro 2011
  • Ver imaxes

Redelibros

  • Blog
  • Preguntas
  • Soporte
  • Enlázanos

Libros e textos

  • Libros
  • Textos
  • Tenda
  • Autores
  • Autopublicación

Opinión

  • Blogs
  • Grupos
  • Enquisas

Anuncios

  • Eventos
  • Anuncios

Multimedia

  • Audio
  • Vídeo
  • Álbums

Membros

  • Buscar
  • Invitar
  • Importar contactos

Seccións

  • Cadernos Redelibros
  • Tenda de redepuntos
  • Concursos
  • Fisgando na rede
Copyright ©2013  -  Privacidade  -  Condicións de servizo  -  Contacto  -  Mobile Site  -  Quen somos  -  RSS  - 
Deseño gráfico: Manu e Marga - Hosting: jaboweb.com
Share