
Un ano xa. Un ano desde que abrimos a rede e uns cantos de vós comezastes a rexistrarvos, a tentear como respiraba este novo proxecto, a suxerirnos isto e aquilo. Un ano e a rede medrou, o número de usuarios medrou, as seccións e as opcións medraron. Foi un ano tremendo en moitos aspectos: ilusionante, complicado, de moito traballo e, sobre todo, de moitísima participación. Vosa e de Redelibros, dentro e fóra de Internet. Aí quedaron, sen ir máis lonxe, as quedadas redelibreras en Gaxate, Santiago ou Liméns, a presenza no Culturgal e nas feiras do libro, os concursos e talleres de relatos, a vosa presenza continua na rede...
Asegurámosvolo: cando comezamos a darlle voltas a esta idea de tolos nin se nos pasaba pola cabeza que fósedes tantos os tolos que nos fariades compañía. Pero a realidade, como adoita dicirse, supera á imaxinación. E, un ano despois, coa vosa participación e o voso apoio, logramos crear e consolidar un espazo propio de cultura na rede, unha casa de todos -cada vez de máis- na que nos sentimos a gusto e na que atopamos amigos, opinións, cultura, vida.
Durante un ano, Redelibros foi crecendo non só en usuarios, senón tamén en servizos -aí está a tenda de redepuntos, os Cadernos Redelibros, os concursos, os textos, o "Fisgando na rede" e tantas outras seccións non previstas inicialmente, moitas incorporadas grazas ás vosas suxestións. Pero xa sabedes que a rede é un terremoto continuo, e nós non queremos quedarnos agochados baixo o colchón.
Cremos que Redelibros xa está suficientemente madura para dar o seguinte paso: para seguir evolucionando. Por iso, nas próximas semanas asistiremos a unha chea de cambios importantes, algúns relacionados co aspecto da rede e outros cos novos servizos que iremos incorporando.
A primeira fase é a renovación dos menús e a potenciación dos perfís persoais.
Empecemos polos novos menús. Agora atoparédesvos cunha barra superior algo distinta (a amarela que está debaixo da imaxe da herba e o libro). A anterior xa non daba máis de si (¡demasiadas opcións!), polo que non nos quedou outra solución que agrupar os servizos da rede. Ademais, esta nova barra incorpora textos que axudarán aos recentemente chegados a guiarse entre o cada vez maior número de posibilidades que a rede ofrece. A idea, dende logo, é a de simplificar, aínda que aos que sodes habituais quizais vos custe un pouquiño habituarvos. Nesta barra de menú atoparedes seis opcións principais (Inicio, Libros, Textos, Ferramentas, Seccións e Colaboradores).
Ademais, dende agora o espazo superior de procura (ese rectángulo branco que aparece arriba de todo, á beira de "Pechar sesión") incorpora unha nova utilidade: a de suxerirvos opcións. Se escribides nel un termo calquera (un nome, un título, un concepto) e non lle dades a "enter", ao cabo duns segundos aparecerá un cadro desplegable con diferentes suxestións de contido na web. Iso si, se presionades "enter", iredes á páxina de procuras habitual...
Pero hai máis: para facilitarvos o acceso rápido a calquera apartado da rede, a partir de agora atoparédesvos cun novo menú amarelo na parte inferior da páxina. Nel están á vista os enlaces a todas as seccións da rede. Agardamos que estes cambios resúltenvos cómodos!
Seguimos pola potenciación dos perfís persoais. Esta é unha idea que levamos barruntando moito tempo, pois cremos que é un dos apartados fundamentais de calquera rede social: establecer relacións, coñecer máis aos outros usuarios. Para potenciar estes perfís, incorporamos varias ferramentas novas.
En fin, como vedes temos unha boa cantidade de cambios. Pero isto é só a primeira fase: para o máis gordo, os novos servizos que vos ofreceremos en breve (algún, asegurámovolo, realmente interesante), aínda teredes que agardar un chisco máis...
A partires do sábado, benvidos á Redelibros 2.0. Seguimos léndonos, redelibrer@s!
