
Grazas. Grazas a todos. Din que a xente non le, que a literatura non interesa, que estamos tolos. Din moitas cousas, pero todos os que vivimos esas mil vidas paralelas que nos regalan os libros sabemos que a literatura move montañas. É ese territorio máxico dos soños, ese destilador de experiencias que multiplica as nosas vidas, que ensancha os nosos corazóns e nos regala o máis inestimable: a posibilidade de contemplar o mundo desde os ollos do outro.
Inauguramos Redelibros, xa estamos aquí. Agora vén o traballo duro: conseguir que este humilde recuncho vaia expandíndose, medrando en contido e en calidade ata chegar ao último lector do noso país.
A velada foi unha gratísima sorpresa. Ver reunidos a máis dun cento de lectores cos seus libros preferidos debaixo do brazo a modo de declaración de intencións é un espectáculo máxico, unha voz contra os agoreiros que falan da morte do libro. Contemplar a danza de Dúo Nativo e mergullarse na fascinación dos contos de Anxo Moure, capaz de conseguir que os adultos volvan a ser nenos, é un pracer sempre renovado. E comprender que, case sen pretendelo, estamos aglutinando a moita boa xente ao redor dos libros é un privilexio que vos debemos.
Grazas, redelibreiros. Por sumarvos tan xenerosa e desinteresadamente á nosa proposta. Por compartir a tarde connosco, por confiar e animar. Por encher esta páxina de contidos. Esta páxina que, hoxe máis que nunca, é vosa. E grazas tamén á xente maravillosa de Detrás do Marco, que fixeron posible que todos nos sentiramos na nosa casa.
Unha cousa quedounos clara: é posible dar o paso da rede á rúa. Do virtual ao real. A vosa xenerosa asistencia así o proba, así que xa vos avisamos: volveremos facelo. Porque os libros, sabédelo ben, son tan reais como a vida mesma...
E agora o que estabades esperando... unhas cantas fotos:







